interpretación

Programa docente

facebook 3No noso programa de interpretación tratamos a preparación vocal e corporal de actor e o traballo dos personaxes na escena teatral. Para isto, seguimos un proceso no que pasaremos polas seguintes fases:

    En primeiro lugar, faremos unha análise dramatúrxica do texto teatral. Indicaremos tanto a idea da obra como a idea do personaxe, así como o Superobxectivo (o tema principal da obra). Ademais, estableceremos o conflito e a liña de acción principais.
    En segundo lugar, realízase a Análise activa da escena e da evolución do personaxe ó longo da mesma. Ademais estúdanse as relacións do personaxe, os conflitos e as tensións dramáticas da obra.
    O seguinte paso é tratar a encarnación do personaxe. Esta fase consiste no estudo e creación do personaxe, vivencia e expresión. A creación do personaxe abrangue varios aspectos:

-Textualidade e linguaxe. Incorporación orgánica da palabra. Constrúese a fala do personaxe, a súa intencionalidade e tamén trazos subtextuais como o ritmo e a musicalidade.
-Corporeidade e movemento do personaxe. Trabállase a enerxía e a expresividade do personaxe: Tempo-ritmo e xestualidade do personaxe.

Os últimos aspectos que se tratan son os relacionados estritamente coa posta en escena, que é a culminación do proceso metodolóxico:

– A elaboración e recreación da partitura actoral: Repetición e repentización;
– A creación da atmosfera das escenas e do espectáculo.
– A creatividade actoral no proxecto de posta en escena.